Poesia: um Bem Comum

Neste Dia das Letras Galegas estivemos na rua a recolher as palavras da gente. Depois, redigim um poema com todos os contributos. O poema é realmente do povo. O desafio do dia era fomentar a participaçom e criarmos um poema; no projecto assembleario espertamonforte! o desafio é fomentar a participaçom e criarmos um futuro. O primeiro foi um sucesso; o segundo, depende de Monforte.

Mais o próprio poema nom podia ser de carácter político, tinha de ser universal, de todos, por todos e para todos. Portanto, evitei empregar as poucas referências à política que forom propostas polos monfortinos: alguém escreveu que “a Monforte falta-lhe umha piscina pública” e, mesmo se em espertamonforte! concordamos com esta ideia, nom a utilizei.

O poema tem licença Creative Commons, Atribuiçom-CompartilhaIgual (CC BY-SA). Vem da gente e tem a licença da gente. É umha pequena peça de cultura para cuidarmos em comum.

O poema é o reflexo das palavras da gente da rua neste Dia das Letras Galegas, e o idioma encaixa bem com o povo. Este dia nom vem das alturas, com homenagens e cousas finas; a parte importante está nas nossas próprias bocas: para nos inspirarmos a falar, a criar e a encher as nossas bocas com palavras lindas, a falar mais e melhor, nom só neste dia, mais em todos os dias do ano. As letras galegas som para nós e por nós.

Mesmo se o poema nom podia ser político, acabei-no com umha pequena invocaçom –“espertar por fim!”– porque isto é mais do que política.

Sim, eu participo em espertamonforte! porque quero um futuro digno, preciso de um futuro e precisamos de umha nova maneira de fazer e participar no político. É certo que estamos a viver um tempo de mudanças, um tempo novo de crises e oportunidades. O que figermos com este tempo é a nossa decisom: é tempo de espertarmos.

Nun val,
nunha cesta de flores e monte
Entre a brétema mais agarimosa
onde unha fermosa vexetación
florece para que a xente vexa a súa beleza
na terra do inicio e do fin,

neste xardín nacía un río,
un río bonito
para regar un paraíso:
unha bágoa que nos chora desde o pasado,
un camiño de auga e ledicia,
lembranza de infancia,
con recunchos de historia
e pingas de humanidade,
onde transcorren os soños dos monfortinos
nas noites en que as súas augas
se remuiñan e golpean
lentamente nas ribeiras.

Monforte é auga
O pobo ten cor especial:
Persoas amábeis
Persoas agradábeis
xente boa que hai que coidar.
Entre eles xorde
un castelo no monte de San Vicente,
dende alí ves a cidade do leste até o occidente:
o sentimento do meu corazón
o meu referente de cidade acolledora
espiñas de escambrón,
cidade pequena, fermosa,
tranquila, de beleza inigualáble
cidade de gatiños e poemas
de paisaxes bonitas
cidade con encanto
unha pasada de cidade
un contraste de temperaturas
unha suma/resta, un tecer/destecer que esmorece
de futuro totalmente incerte
O meu pobo, de sempre.
Somos de auga
nesta terra do inicio e do fin,
o río manso cando pasa por Monforte
mainiño todo o traxecto
aloumiñando até a morte,
e umha velha está a contar:
“Cando eu era rapaza
O río era de lecer”
Cloaca de xurro.
O pobo ten que se revolver
ten xente nova que non quere marchar
destas augas remansos,
remansos de calma e ganas de espertar,
Espertar por fim!

One thought on “Poesia: um Bem Comum”

  1. Bo día compañeiro! Son Roberto de Rubián. Fíxenvos unha visitiña esta primavera…. Cómo vos vai todo? Agardo que ben. Quería darte os parabéns polo poema…. moi lindo.

    Apertas

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *